jueves, 29 de diciembre de 2011

"Eu non vendo alcohol a menores"

A Asociación Renacer, o Concello de Ribeira e o Concello de Noia están a poñer a primeira fase do "Proxecto Alcol" para sensibilizar á sociedade dos riscos do consumo abusivo de alcohol, especialmente en menores, e potenciala  como axente preventivo nesta problemática. A través de medidas educativas, familiares e comunitarias de todos os sectores da sociedade poñeremos o noso esforzo para conseguir unha sociedade máis saudable.

A Xunta de Galicia promulgou a Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. A mesma recolle entre os seus títulos: a prevención do consumo, as limitacións da oferta, os instrumentos de intervención para garantir as actuacións e as planificacións, coordinacións e a participación social. 

A citada lei indica que unha das medidas que se mostra máis eficaz é diminuír a accesibilidade dos menores ás bebidas alcohólicas. Polo que, no capítulo II (Limitacións da oferta de bebidas alcohólicas aos menores de idade) limita a oferta de bebidas alcohólicas a menores: prohibindo a o consumo, a venda e a subministración a menores e obriga ós establecementos dispensadores de alcohol a informar sobre as limitacións á venda: Artigo 12º.-Limitacións ao consumo, venda e subministración e Artigo 14º.-Información sobre as limitacións.

Para potenciar e visibilizar o cumprimento da devandita norma estes días estamos achegando os locais dispensadores de alcohol (bares, pubs, cafeterías, restaurantes, tendas de alimentación, supermercados, gasolineiras, ...) os carteis da campaña: "Eu non vendo alcohol a menores".

Ademais informáselles das actividades específicas para este colectivo que se desenvolverán no vindeiro ano. Estas serán de carácter gratuíto e serán levadas a cabo polos/as responsables do programa e profesionais de relevancia nas diferentes temáticas:
- Reparto de material: cartelaría obrigatoria e resumo da lei.
- Análise da situación de oferta e venda de bebidas alcohólicas.
- Charlas informativas sobre a Lei Galega 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
- Seminario de venda responsable de alcohol.

Queremos agradecer a colaboración ós establecementos e a poboación, en xeral, o interese no desenvolvemento da campaña e quedamos á vosa enteira disposición para calquera dúbida ou consulta que queirades formularnos.

É responsabilidade de todos/as actuar para protexer á mocidade das consecuencias negativas que o consumo abusivo de alcohol leva consigo.

Asdo.: O equipo de “Proxecto Alcol”